Integrantes de PLATTA poderán asistir a cursos de formación en Galicia

A FEGATEA en colaboración coa ESAD (Escola Superior de Arte Dramático) ven de organizar dous obradoiros formativos sobre artes escénicas que serán impartidos por profesorado da Escola.
Froito do acordo acadado entre as entidades de PLATTA, nestes obradoiros poderán matricularse integrantes dos grupos e compañías de teatro amador asociadas a calquera delas.
 
OFERTA FORMATIVA:
Obradoiro de DIRECCIÓN ESCÉNICA E DRAMATURXIA
Do 1 ao 4 de xullo (30 horas)
(9:00 a 11:30 – 12:00 a 14:30 – 17:00 a 19:30) 
Taller intensivo dividido en dous módulos: Dirección escénica e Escrita dramática. Este curso está pensado para todas aquelas persoas que desexen introducirse dunha maneira integral e totalmente práctica nestas tarefas ou disciplinas da creación escénica. Neste curso levarase a cabo a concepción da estrutura dramática e as convencións que operan nunha obra ou espectáculo: a acción, o xénero, a caracterización, o ritmo, así como as implicacións que a escrita orixinal ten en elementos de dirección escénica ou produción tales como o vestiario, a escenografía ou a iluminación. O obxectivo principal deste obradoiro é aprender a integrar procedementos e saberes adquiridos para conseguir transmitir ao espectador as sensacións, emocións e o sentido da escrita dramática.
Obradorio de INTERPRETACIÓN, EXPRESIÓN  ORAL E CORPORAL
Do 8 ao 11 de xullo (30 horas)
(9:00 a 11:30 – 12:00 a 14:30 – 17:00 a 19:30)

Taller intensivo dividido en tres módulos: Expresión corporal, voz e interpretación. Este curso está pensado para aquelas persoas que se dediquen á interpretación dunha maneira lúdica e afeccionada ou para os directores de compañías afeccionadas que queiran experimentar e coñecer ferramentas expresivas do actor para empregar no proceso de escenificación con todo o elenco. No curso explicaranse e analizaranse dunha maneira práctica distintas técnicas relativas á construción do personaxe e ao dominio de distintas técnicas expresivas, co uso creativo da voz e do corpo, aplicadas aos diversos xéneros, estilos ou formas de representación teatral.
 
MÁIS INFORMACIÓN NAS RESPECTIVAS ENTIDADES.